venres, 22 de novembro de 2013

Había un xadrez.

Esta historia está baseada en desfeitas reais: eu, que me expreso coa palabra, farta de convivir con mais metáforas ca ideas, osei coñecer con tinta o mapa de min ante o que levo unha vida pechando os ollos.

Rei e pión voltan á mesma caixa, abofé. Pero de poder escoller, quen escollería nacer no bando axusticiado? Sen dor non hai gloria mais sen rei non hai xogo.

A miña testa é un cóctel molotov. Unha bomba de napalm composta por existencialismos que salpican moito e moi forte a quen está derredor no momento inadecuado,
ou no instante conciso,
quen sabe?

A inspiración está sempre xalundes, e visítame cando estou a piques de durmir. Logo érgome, collo un papel  e dedícome a condenar nil a tinta, que o abraza extasiada.
Nese intre a inspiración decide ir durmir con outra.

Mesmo pode que esté a pasear por estas liñas e que cando ti leas esta botella guindada ó mar, e descobras á inspiración tapándoche os ollos por detrás.

Quen son?
Quen son?-dirá.

Garda silencio e o xogo durará o que tardes en rompelo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario