domingo, 12 de outubro de 2014

Cidade da des-cultura

O café, descafeinado.
O sexo, sen amor.
O amor, sen dor.
A dor, sen feridas.
As feridas, curadas con alcol que da resaca.

A vida, sen reincidencias.
Os erros, esperando por valentes que se atrevan.
 Os tigres, no circo. O circo, no Congreso.

 Mais libros nas esculturas que nas bibliotecas
e se non me cres
visita a cidade da des-cultura.

Chove, calo, chamo.
Caos, choras, comunicas.

Palabras caladas
sen ter quen tempere
delas.

 E os días pasan malia a túa teima de batallar contra o tempo,
 contra o poder igualitario dos madrugóns.

 Os días pasan
e a vida pisa.

Está en ti quitarlle a gracia
ou sacala a bailar
sen pretextos
sen medos
sen expectativas.

domingo, 22 de xuño de 2014

Retrincos dun dilema de vidro...que non vexas como corta.

Malia non ser conhecedora imbatible da obra e vida de Castelao, opino que hai unha diferencia importante entre "Botar da túa casa alguén que busca aprehender, enriquecerse co teu modo de vida mentres ti aprendes tamén do seu." ou "Discutilo baseándose en argumentos." [Pra experimentar isto recomendo o Programa Parllaes, da Área de Catalán da USC] a "Botar da túa casa a quen só entra ca pueril intención de dicirche que o seu método é mellor por ter mais asociad@s, mentres o teu é unha bonhiga por ter sido minorizado, e en consecuencia...minoritario." [Pra entender isto recomendo botarlle un ollo a calquer libro de historia]. Ora sí, vendo por que cousas loita esta muller (que seica preside "Galicia Bilingüe") non sei de que me sorprendo: Nin que o castelán necesitara a súa axuda... Que Galicia, minha senhora, non é bilingüe. Galicia é diglósica. Di-gló-si-ca. Percíbese o matiz? Permítaseme marcar o concepto: Diglósica porque no canto de defender a casa, deixamos que entraran nela e que o cambiaran todo de sitio, con esa teoría de que "@s demais sempre fan mellores fill@s ca Nós". Se naqueles días tivesemos un pouco de criterio, un chisquinho de amor propio...teriamos logrado que a nosa cultura se tivera desenvolvido sen maior traba. Pero non soubemos estar á altura. Ti que opinas? Eu remítome á ligazón que tes eiquí abaixo. Non só polo contido, porén porque me chirría que a Voz de Galicia sone en castelán. Do mesmo xeito que me chirría de carallo que certas voces do reintegracionismo non coloquen un pronome a xeito. Pero sigamos: non soubemos estar á altura no seu día e agora arrastramos o complexo de inferioridade de quen dicía que o castelán era mellor, cando a única diferencia estriba en que namentres a nosa lingua pasaba polos séculos escuros, a súa era dignamente inculcada polas Américas. "Dignamente" significa "a sangue e espada". Extremista. Xo sei. Hai quen me considera extremista neste punto do discurso. E sereino, abofé que si! Serei extremista se iso significa pertencer á porcentaxe minorizada, que non ergueu un pau pra facer crer (coa violencia por argumento) que era "mellor". Suficientemente "mellor" coma pra xustificar a incalculable perda de vidas e culturas que tivo lugar na implantación daquela lingua que prometía civilizar ós pobos indios. "Extremista" implica que está socialmente aceptado que antes puideras matar pra convencer e que hoxe resultes violenta se falas galego sen xustificarte...ou se usas o feminino xenérico. Non tan por outra banda, a ventaxa esa tan defendida (de que co castelán te entendan por medio mundo) é o produto/a consecuencia/a filla espúrea dunha violación a pobos que vivían ben ata a visita de Colón, porque maloa que Américo Vespucio chegou antes, coido que non pasou á historia por non foderlles a vida. Que sí, auditorio: utilizo o castelán cando me é mester, claro que si! Pero non serei cómplice (das atrocidades que levaron a tal lingua ata onde está) relegando a minha lingua materna a un plano secundario, familiar ou rural, cando a persoa coa que interactúo pisa terra galega e consta das aptitudes precisas pra asumir unha lingua nova. Que careza das "actitudes" non é culpa minha. E ben, isto non é unha xustificación. Polas magnitudes, eu diría que é unha declaración de intencións. A intención de expresarme coma me sae...de dentro (Gracinhas Celso Emilio, pola sutileza). Párate a pensalo. Chamarlle xenófobo a Castelao, que promoveu a súa cultura coa arma da PA-LA-BRA. Chamárlle xenófobo a Castelao, que pasou media vida na Pampa e outra pouca en París...ven sendo tan coherente coma chamarlle nazi a unha xudea...e quedarse tan pancha, porque "¡Mira, mamá! ¡Salgo en el periódico!" E suponho que se sales falando castelán, igual ata parece que falas chea de razón. Saúde. E paciencia. Moita paciencia. http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2014/06/21/gloria-lago-llama-xenofobo-castelao-blog/00031403378375206116515.htm

domingo, 13 de abril de 2014

Historia baseada en desfeitas reais.

Falas coma se non tiveras saúde
nin ollos, nin pernas
nin maus, nin sentido do gusto
nin do tacto, nin do oído

pero o único sentido do que careces
é o que lle da sentido ós outros cinco:
o común.

Non tes contacto co mundo exterior.
Non che quedan preguntas
nin ganas de xustificarte.

O único que sintes ben
é o afilado que pasa o tempo:
que as agullas xa non andan en círculos,
agora crávanse coma promesas.

E agardas, e atrapallas palabras
esperando que volva,
que che tape os ollos
e che confese ó oído
que estos meses, estos danos,
estes amenceres sen orballo
e estas feridas sen panos

non foron mais ca unha broma
acometida por vingar as veces
que non lle quentache os pés

que non foi mais ca un chiste
pero que esta noite
deixará que a vexas durmir
á tua beira.

venres, 21 de febreiro de 2014

A sorte era pra covardes.

Implicarse mais da conta nunha relación
pode causar imprevistos que todo o mundo via chegar
menos ti.

Implicarse mais da conta nunha relación
pode causar angustia ocasional
e asAutoridades Sanitarias
calan coma putas
porque o amor é
unha
droga
legal
unha utopía real que beneficia ó Estado.

Enamórase.
Enamóraste.
Desenamórase.

O amor é un paseo en companhía
no que acabas sen ela e cun chicle
adherido ó zapato que elexiche
pra sacala a bailar.


Reconstruír a túa vida é
sufrir unha loita interna aló
onde a xente so ve e xulga
os teus intentos fracasados
de independizarte dos teus vicios.


O teu grado de dependencia mediríase
no tempo que levas pensando nesa persoa
dende que comezache a ler isto.

Sálvate se queres
ou queda dentro do barco
que xa
afunde.

Sálvate
ou agarda que volva
pra agarrarte da man
e pasearte polos parques
e lucirte polas rúas
pra que te admiren @s viandantes.

Sempre podes recorrer
o presente
coma o nó dun zapato desatado
que ameaza con deixarte sen dentes.

Podes sentar e agardar
pero debes comezar a quererte.

Quererte.
Primeira persoa do singular
reflexivo contínuo.





xoves, 6 de febreiro de 2014

Game on.



Seica hai marcapáxinas
namorados da folla
que te esforzas en deixar atrás.

Empeza a fartarme esa mentira
de ter que aprender a quererme
reflectíndome nos ollos dxs demais.

Esperta.
O tempo xoga
e non da túa parte.

A felicidade é un té comigo.

Sábeme raro pisar a túa rúa e non verte
pasear entre mimos inertes
e policías tristes
que buscan batutas
coas que dirixir o mundo.

Sóbrame a fartura
de pousar os ollos onde ti só faltas.

Vivo nun tren repleto de cuarentóns
coa corbata frouxa
e o cinto apretado demais.

Tamén viaxan nel universitarias preciosas
que non falan coma ti,
que non din nada cos ollos.

Pero sexamos realistas.
A que ven tanto drama?
Nacimos pra vivir e morreremos intentándoo.
Naciche pra quererte e derrochas alento regalando tempo perdido.

Pensao:
Individu@.
Dahí ven "individual",
non "ser colectivo"

Atraparei a felicidade baixo os meus zapatos,
coma se fose unha lagartixa;
prometo deixar de pendurar os sonhos
en horizontes que nunca chegan
ou en paredes das que caerán
e farán ruído.


Quero descalzarme.
Non ver mundo.
Non publicar un libro.
Non inmortalizarme.
Quero deixalo todo por mirarme a min
coma os vellos que xogan a partida no bar
e tiran as cartas coma se fosen donos do seu tempo.

Non preciso un cando

nin un onde.

Nin un contigo.

Bástame asumi-la vida coma un proceso
no que nunca perdo
porque sempre aposto
no que ás veces consigo:

alento,
mais tempo.

O secreto?

Do revés
ou do dereito
non persevero
pero
tampouco
    me
   rindo.

mércores, 8 de xaneiro de 2014

Gardarmos a lingua en boca allea cando non sabemos que dicir.

Menudo invento o do amor.
 Xúrocho.

 Fago unha pausa na minha vida pra mofarme dil brevemente:
Estou estudiando historia e, sabes que? Antes pelexaban pola terra. Agora que sobra, agora que está mal repartida... ninguén quere terra pra traballala.
Agora só buscamos unha boca na que gardar a lingua cando non sabemos que dicir. E paréceme polipatético que desbotemos a nosa propia como mellor opción.
As películas de Bruce Lee falaban de pelexar a risco de acabar no cárcere ou mortx con tal de buscar xustiza, igualdade.
Agora pelexaste por parecerlle sexy a unha dama que precisa sentirse segura.

"Todos soñamos con ser un caballero y tener algo por lo que luchar y un amor que defender."

Vomito.
. Vomito porque defender o amor é acariciar un can que leva catro dias sen comer. É unha maneira de querer que nos queiran sen saber nos mesmas querernos. E o peor de todo é que nos decatamos do tempo que perdimos cando vemos como o perde outra persoa. Estou farta do amor como eixe da existencia. Está ben que queiras fogosamente, contra vento e pronóstico a outra persoa. Pero esta mal que te queiras a ti. Esta mal que te masturbes porque iso é mais tabú ca un oso pa unha tribo escandinava e mais noxento cós vertidos de petróleo que leva causado a avaricia de querer, sempre mais do que en realidade precisamos. Se te queres/te masturbas/te recreas indo a biblioteca...eres rara porque encontras placer sen gastar un duro. E iso non pode ser! É legal que queiras a outra persoa. Que te preocupes por consumir roupa, comida dietética, gastar en ximnasio e no cine de parella dos domingos. É esencial ser ti mesma pero sendo outra persoa, porque non te gustas como estás (nunca como es, porque o único que es é un cambio constante) xa que en ningunha pelicula falan do xeito en que ti pensas. Estas seguindo as migas de pan que che tiran. E non te enteras da mita da leria. Que cando che falan de amor te estafan..? Iso velo tarde.