martes, 14 de abril de 2015

Alastor, o ladrón que me quita tempo.

De cando en vez, busco argumentos pra convencerme de que existe a eternidade.
A eternidade cíclica.
Busco a certeza de que despois desta vida, virá unha morte e despois desa morte, virá outra vida.

De pequena collía o xadrez e movía un pión branco.
Acto seguido, xiraba o tableiro e movía un cabalo negro.
A partida sempre remataba en tablas porque nunca souben que parte de min debía ganhar.

Vinteún anos nesta vida e sigo sen (poder) atarme a ningunha certeza.
Simplemente tenho unha conxetura tapándome os ollos:
se a eternidade fose tan ideal, non escolleríamos nacer
pero no fondo, moi no fondo,
creo que edifico a certeza de que vivir é sentilo todo
-sentir o orballo, o sol, a tormenta, a resaca, as ganas de pedir silencio e calma-

e de sempre
sentir algo
por moi punzante que fose
foi mellor ca non sentir nada.

Aínda que un nunca dure máis ca un sempre,
sentilo todo é mellor ca non vivir nada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario