domingo, 13 de abril de 2014

Historia baseada en desfeitas reais.

Falas coma se non tiveras saúde
nin ollos, nin pernas
nin maus, nin sentido do gusto
nin do tacto, nin do oído

pero o único sentido do que careces
é o que lle da sentido ós outros cinco:
o común.

Non tes contacto co mundo exterior.
Non che quedan preguntas
nin ganas de xustificarte.

O único que sintes ben
é o afilado que pasa o tempo:
que as agullas xa non andan en círculos,
agora crávanse coma promesas.

E agardas, e atrapallas palabras
esperando que volva,
que che tape os ollos
e che confese ó oído
que estos meses, estos danos,
estes amenceres sen orballo
e estas feridas sen panos

non foron mais ca unha broma
acometida por vingar as veces
que non lle quentache os pés

que non foi mais ca un chiste
pero que esta noite
deixará que a vexas durmir
á tua beira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario